lunes, 20 de abril de 2009

LENDAS DE GALICIA por Samantha Mulloni Martinez.

Os lobos do cruceiro da Gándara.


Cerqueiras. Santa Cristina de Vea. A Estrada. (Pontevedra).

No lugar de Cerqueriras, da parroquia de Santa Cristina de Vea, concello da Estrada, e de fronte da capela da Gándara, adicada á Virxe de Aránzazu, atópase un cruceiro barroco de boa arte popular.

Ten no varal de sección poligonal a figura dun frade francisco con palma na man dereita, que ben puidera se San Antonio, aínda que sen neno.

Na cruz se presenta a Cristo encravado por unha banda e, po-la outra, á Virxe triunfante, cos brazos abertos como no pasamento da Ascensión, con anxo todo ó redor.

No basamento ten este epígrafe:
JUAN DE PORTO Y CATALINA DE RIBEIRA SU MUGER PAGARON ESTA OBRA AÑO 1742

Nunha das faces do varal, estoutro bastante comesto xa po-lo tempo:

ANTE ES/TE CRUCE/RO..... VN/....... SALVE/....... APEDIMIº/DE QUIEN/ LO MANDÓ//HACER AÑO /DE 1747

Os veciños do lugar Francisco Barcala Sinde e Xosé Barcala, duns corenta e cinco anos, contáronnos a lenda do erguemento do cruceiro manifestando que, condo o lugar de Cerqueiras era todo unha carballeda, había moitos lobos nel, e certo día as feras levaron unha meniña filla de Xan do Porto e Catalina de Ribeira, que figuran na inscrición do cruceiro.
Buscaron os pais a nena inzados de dor, sen atopa-la por ningures.
Acudiron entón á Virxe que na capela recibe homenaxe e pregaron acesamente.
Cando voltaron buscar deron coa nena viva e sá, acariñando un lobo morto que tiña á beira.
Os pais, agradecidos, fixeron erguer o cruceiro que alí está.

O ciprianillo nas lendas galegas.

Segundo as crenzas galegas, O Ciprianillo ou o chamado tamén “ salterio de San Cibrán”, era un libro de maxia no que se atopaban as artes diabólicas e os situais necesarios para a buscae achado dos tesouros que os “encantos” eso “mouros” tiñan gardados nos castros, furnas e mámoas. Tamén posuía, tiña o poder de facer fuxir ó demo.

Foi un libro de culto xeral en Galicia, desexado e buscado por moitos. Quizás o seu éxito era debido ó incalculable número de tesouros buscados nos monumentos prehistóricos, ou tamén pola abundancia de metais nativos e preciosos no noso chan.

Por toda Galicia, en moitas das súas aldeas, existía a crenza popular , que había quen tiña escondido este tan famoso libro, e este feito deu lugar a moitísimas lendas e contos.

O Ciprianillo tratábase dun arcano volume composto de rituais e receitas máxicas, envolto nun profundo misterio, tanto no que se refire á súa composición xeral, coma no que respecta á súa orixe, que é atribuída a San Cibrán, pero a realidade é que se perde na profundidade dos tempos. Dicíase que este laborioso traballo contiña tamén técnicas de exorcismo, e rituais contra os feitizos, o mal de ollo e o meigallo, segredos místicos sobre xenios bos e malos, etc.

Na acepción vulgar galega, o encanto é un ente misterioso da mitoloxía popular que se converte en ser material e activo, malia as súas calidades sobrenaturais. Os encantos, coma tamén os mouros e outros seres místicos da nosa terra, son os que gardaban os haberes ou fabulosos tesouros que se pensaba, estaban agachados nas covas, nos conventos derrubados, nos castelos ruinosos, e en todos aqueles lugares abandonados. Para usar con éxito o Ciprianillo había que busca-la "herba cabreira" e, ademais, era necesaria a presencia dun cura que, revestido de estola, soubese ler e "desler" no fantástico libro e que tamén tivese moito valor, porque cando saíse o encanto en forma de serpe, non debía suspende-la lectura nin fuxir, pois se facía unha ou outra cousa quedaría enfeitizado el e os seus acompañantes. Esta cerimonia ou práctica supersticiosa había que realizala formando un círculo no chan e meténdose nel. Unha vez dentro todo o grupo, e lendo o cura sen deterse tódalas fórmulas e ensalmos, o feitizo amosábase coas
ocultas riquezas, deixábaas e desaparecía tan axiña se debuxase unha cruz dentro do mesmo círculo.

Algúns dos nosos escritores deron por certa a existencia do Ciprianillo, entre eles Barreiro de Vázquez Varela no seu libro "Brujos y astrólogos de Galicia". Afirmaba Murguía que no contido deste libro de grande sona e nas fórmulas que nel se expoñían, eran visibles as pegadas das supersticións celtas.

O Ciprianillo tamén era unha axuda para facer pactos con espíritos infernais sen sufrir dano ningún. Para iso, o que se dicía é que había que trazar no chan un círculo cunha rama de abeleira, despois de ter dito unha serie de frases en latín con moita devoción e levar un carneiro negro. Dese xeito, logo aparecerían moitos fantasmas porque o demo non quería que se descubrisen as súas riquezas ocultas. Pero o buscador de tesouros non debía fuxir senón todo o contrario.

Tamén se dicía que nun capitulo deste libro, estaba explicada a forma de facer chover e afasta-las treboadas, seguindo para iso unha serie de rituais.

viernes, 17 de abril de 2009

ANTONIO MARTÍNEZ VIDAL - 2ºD



A Ulla celebra cada entroido o seu tradicional combate entre correos e xenerais

Unha vez ao ano os veciños da comarca do Ulla vístense de militares, búrlanse das autoridades da zona, dos veciños e mesmo de si mesmos; loitan entre eles e ao final, todos quedan como amigos. Son os “Encontros dos Xenerais”, unha das múltiples formas de celebración do entroido que pasa por horas baixas.





Mentres as cidades celebran un entroido moi se

mellante a base de desfiles, carrozas, bailes e c

oncursos de disfraces, as parroquias botan man da súa tradición para perpetuala ano tras ano. Isto é o que pasa na Ulla. Onde a provincia da Coruña limita coa de Pontevedra o antroido comeza dúas semanas antes de que o celebre toda Galicia. Durante tres fines de semana (hai outra representación o fin de semana posterior ao

Entroido) Correos e Xenerais saen ás corredoiras da comarca do Ulla (desde Sergude en Boqueixón, Luou en Teo e Vea en A Estrada) para cantar coplas nos que satiricen os acontecementos máis destacados da actualidade. Unha festividade que pasa por horas baixas, xa que este ano, a falta de iniciativa, apoios e recursos entre os veciño

s de Cacheiras impediu que se celebrase a popular festa. Ademais, segundo os propios veciños cada ano os "Encontros dos Xenerais" concentran a

menos visitantes.


¿Qué son?
O ritual repítese cada ano de xeito sem

ellante. Na Ulla hai dous equipos: un invasor e outro defensor que conta con xenerais e correos, que son os encargados de iniciar a batalla. O correo do exército atacante solicita a entrada nos dominios do centinela, ao que lle resposta o correo do exército defensor.

Unha vez rematada o primeiro intercambio de aldraxes e críticas, cada correo acode ante o seu xeneral para comunicarlle a situación do atranque. Logo de que os xenerais sexan sabedores da situación comeza o enfrontamento, sempre verbal, no que se burlarán de situacións da vida cotiá, dalgún feito de actualidade. Rematado o repertorio de coplas satíricas que os veciños prepararon con anterioridade para o asalto, o enfrontamento remata con vivas a determinados persoeiros, aos veciños e mesmo ao público pola colabo

ración (que sempre é económica) para a festa

Os xenerais e o seu correo van por todas as parroquias da comarca da Ulla e os seus “encontros” (tamén chamados “altos”, “saltos”, "atranques" ou “arranques”) puidéronse ver onte domingo en Santa Cristina de Vea e mañá martes na praza da Constitución na Estrada (ás 18:30 horas).


A vestimenta
Hai dúas características do Entroido do Ulla que o igualan coas celebracións do entroido máis populares de Galicia (como poden ser os cigarróns de Verín ou os peliqueiros de Laza) en primeiro lugar o carácter colectivo deste tipo de entroido no que as mascaradas nunca son individuais senón en grupo e, en segundo lugar, a vistosidade do seu disfrace.


O entroido da Ulla monta a cabalo, viste un uniforme que recorda aos traxes militares da época napoleónica e posnapoleónica e compleméntanse con sombreiros, medallas e fitas. Non se sabe moi ben de onde procede este entroido, segundo figuran en diferentes estudos feitos sobre as orixes desta festividade, hai quen opina que é unha reminiscencia da loita contra os franceses, mentres que outros apuntan cara as loitas carlistas. No que si coinciden ambas versións e en que esta manifestación ten a súa base na parro

quia.

Un entroido con parroquia
Máis próximo a unha explicación antropolóxica e lonxe xa das teorías sobre a orixe desta manifestación, a súa pervivencia no paso do tempo

pode deberse, segundo figura no sitio web no que se explica o entroido do Ulla "á necesidade de autoafirmación dunhas parroquias fronte a outras, necesidade xurdida pola concepción tradicional do ente parroquial, como un núcleo illado e que dota dun fortísimo arraigo aos parroquianos que nel habitan”. Un feito no que coinciden diferentes estudos sobre a zona e que destacan o enfrontamento como unha redudancia da parroquia como unidade de convivencia.

Por último, outros antropólogos que teñen estudiado os "Encontros dos Xenerais" consideran estas formas como pequenas mostras de teatro popular.



ANTONIO MARTÍNEZ VIDAL


O Corpiño

O santuario da Nosa Señora do Corpiño, ou máis comunmente chamado O Corpiño, atópase situado na parroquia de Santa Baia de Los

ón pertencente o concello de Lalín, nun pequeno outeiro situado no alto do val do río Deza, a medio camiño na estrada que vai de Silleda a Vila de Cruces. Historia



Vista do Santuario

A arquitectura actual do inmoble data de finais do século XIX. Nembargantes a localización do actual santuario foi escollida ao redor do século XII, pois di a lenda que preto de alí, nunha pequena ermida ofrecida a Santo Hadrián, vivía un personaxe que presentaba unha gran devoción pola figura da Virxe, á que lle dedicaba numerosos sermóns que eran recibidos de grado polos veciños da zona. A lenda di que co paso do tempo o home apareceu morto mais co seu corpo incorrupto, o que se interpretou como unha milagre que a Virxe obrara. En resposta a tal suceso, os veciños levantaron unha capela na súa honra, onde agora se atopa o templo actual. A lenda tamén conta que Almanzor destruíu o templo, feito nunca probado historicamente, e que dende aquela a ermida caeu no esquecemento, ata que unha parella de pastoriños, mentres se refuxiaban dunha tormenta presenciaron a aparición da Virxe co neno no colo. Dende entón o lugar retomaría o culto.

A romaría

As peregrinacións de crentes sucédense todo o ano, aínda que alcanzan o seu punto álxido na romaría celebrada entorno o 23-24 de xuño. Estas congregan a centos de romeiros que buscan un remedio para a súas doenzas, particularmente a xente afectadas de doenzas relacionadas co mais alá, como feitizos, meigallos, tolemias ou posesións demoníacas, quizais unha forma de denominar enfermidades mentais ou nerviosas pouco coñecidas. O Corpiño é tamén un dos poucos lugares da península onde aínda se practican exorcismos para sacar o demo ou o meigallo fóra do corpo de fieis “posuídos”. Deste xeito relixión e bruxería confúndense nun único espazo coma únicos culpables ou remedios daquelas doenzas ás que a medicina supostamente non foi capaz de dar solución ou explicación.

Romeiros baixo a Virxe

Durante estas datas do mes de xuño centos de fieis chegan durante a mañá co fin de presentarlle a súas ofrendas a Virxe en forma de exvotos de cera, cirios ou mediante cruces ou nomes, que gravan nos paramentos da ermida durante o seu peregrinar o redor do templo, nun intento por deixar un sinal da súa relixiosidade e devoción. Trala misa da unha, os peregrinos arrexúntanse formando unha fila ao redor do templo, para que a figura da Virxe en procesión sexa levada por riba das súas cabezas. Nese momento os crentes fregan panos contra os pés da Virxe co fin de cargalos dalgún tipo de poder curativo ou apotropaico, para levalos á casa e protexer aqueles enfermos que polas súas doenzas non puideron acudir á romaría.

O santuario do Corpiño constitúe xunto con Santo André de Teixido e os Milagres de Amil un dos sitios máis populares deste tipo de crenzas


ANTONIO MARTÍNEZ VIDAL

Breogán

Breogán é un mítico rei céltico de Galiza. Moitas versións existen sobre el, pero veno coma o pai mitolóxico da nación galega. O seu pai é Brath, e os seus fillos son Ith e Belenus, entre outros.

A lenda

Existe unha lenda na que se conta que a estirpe de Breogán chega a Galicia desde Exipto, fuxindo das pragas da época de Moisés. Con toda probabilidade, esta lenda foi creada en tempos medievais, cando existía unha gran tradición cristiá.

Galiza descríbese poeticamente no Himno galego coma o fogar de Breogán. De acordo coa lenda irlandesa incorporada no século XI á compilación Leabhar Ghabhála Érenn (o "libro das conquistas") o rei Breogán, fundador da nación céltica galega, construíu na cidade de Brigantia (identificada coa actual Coruña) unha enorme torre dunha altura tan magnífica que os seus fillos podían ver unha beira verde distante dende o seu cumio. A ollada desa terra verde distante enganounos para navegar ao norte de Irlanda, onde Ith sería asasinado. En vinganza, os fillos de Mil, neto de Breogán, saíndo dende Brigantia chegaron a Irlanda e conquistárona



San Xurxo de Cereixo. A Estrada (Pontevedra)

Aínda que non existe ningunha lenda escrita sobre o Santuario de San Xurxo, cremos útil referir o que nos contou un señor xa entrado en anos, romeiro a San Xurxo desde hai 38 anos. Respectaremos na narración as súas palabras, gravadas por nós en cinta, mesmo coas súas incorreciós de linguaxe, a cabalo entre o galego e o castelán e, sen dúbida, cheo de colorido popular:

"Aquí era un zarzal, no que había unha serpente que quixo atacar a unha moza. San Jorge era un melitar; era de por aquí. Entonces, cando soupo que esa serpente atacara a esa moza, pois se veu armado aqué e persigueu, buscou por aí hastra que se encontrou ca serpente e por eso está retratado aí enriba do cabalo e debaixo a serpente".

Esta inxenua narración vese que é unha transposición da lenda de San Xurxo e deriva simplemente dunha mera contemplación da imaxe tradicional do Santo. O curioso é que este home identifica a San Xurxo como natural da terra de Tabeirós, e que cambia o dragón po-la serpe. Quizais a figura do dragón é un elemento mitolóxico moi alleo ó universo simbólico dos galegos; sen embargo, a serpe atopámo-la como obxecto de culto ou simbolismo xa desde as insculturas castrexas, e quizais antes, como un símbolo naturalizado en Galicia, aínda que, como opinan moitos, sexa algo procedente doutras latitudes.




Manuel Rodríguez Carracedo

A Santa Compaña por Regina e Andrea

A SANTA COMPAÑA

É unha crenza mística moi importante en Galicia e coñécese por moitos nomes: Estadea, Estantiga, Rolda, As da noite, Pantalla, Avisóns, Pantaruxada...
Hai moitas versións desta crenza pero todas coinciden en dicir que é "procesión de mortos ou almas en pena que nas brétemas da noite (a partir das doce) percorren errantes por camiños e sendas dunha parroquia” Esta procesión sempre vai encabezada por un vivo cunha cruz e un caldeiro de auga bendita seguido das ánimas con velas acesas, e notándose a súa presencia polo cheiro a cera e o vento que levanta ó seu paso.

A Santa CompañaO vivo non pode deixar ás ánimas até que econtre polo camiño a outra persoa
No caso de que se encontrases a Santa Compaña debes botarte no chan cara abaixo ou ben trazar un circulo na terra e meterte dentro del. A persoa viva pode ser home ou muller, dependendo se o patrón da súa parroquia é santo ou santa
Aínda que nas maioría das veces a Compaña sae de noite, temén hai casos nos que se aparece de día.
Considérase como unha anuncio da morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento.
Existe tamén outra procesión moi semellante á Santa Compaña pero en vez de pasear animas dos mortos, son animas dos vivos, chámase "procesión das Xans".


No que aconteceu nun camiño San Martiño de Tabeaio. Carral (A Coruña)

Foi unha vez que un pai e mais un fillo, que xa era home, viñan dunha viaxe e tiveron a desgracia de seguir, sen se deporcatar e sendo noite, un camiño que pasaba preto do adro dunha igrexa. Dándose de conta do mal que lles traía o seu descoido ó se atopar nunha revolta coa Santa Compaña, que ó ser as doce sae do cemiterio para facer a súa rolda.

Pai e fillo viron arrepiados as luceciñas verdeás dos fachos que portaban as almas en pena e oíron o borboriñar dos pregos dos defuntos e, daquela, foi tanto o medo que gañaron que quixeron fuxir a escape sen o conseguir, porque o vello, xa canso e de pocas forzas, tropezou e caeu de contado sen folgos nin azos para se valer. O fillo chegou un pouco máis lonxe, pero mellor lle fora caer coma o pai para se aforrar moitos contratempos, xa que, coma o vello, tampocuco tivo forzas nin saber para riscar no chan o circo e poñerlle no medio a cruz, como é ber para se librar das cousas do outro mundo en meténdose un dentro.

O pai, ó caer no chan, afociñado, quixo comprender que a Santa COmpaña para por riba del, pois sentiu ben no corpo como o tripaban as pasadas dos defuntos, deixándoo esmendrellado; fixo un esforzo erguendo un pouco a cabeza para mirar se vía ó fillo, mais, como era noite, non o viu. Escoitou un pouco e non oíu cousa. Sen dúbida, levárao a Santa Compaña para portar a cruz, o caldeiro da auga benta e mais o heizope. O pai, daquela, perdeu o acordo e non foi home ata o abrir do día. Estaba canso e sen forzas, doíalle o corpo, quixo porse en pé e as pernas non termaban del. Ó cabo, mal como puido, case ás arrastras, foi facendo o camiño da casa. O fillo aínda non chegara e el, perdida a cor e esgumiado, máis semellaba un defunto.

Ó rapaz atopárono logo os veciños. Apareceu durmido pé do cruceiro da parroquia, collendo nunha aperta o talo da cruz. O pai apenas tardou tres días en morrer e o fillo durou pouco máis tempo, mais ben pouco foi. Ninguén conseguiu del que dixese cousa, porque o que vai cos defuntos, aínda que queira, non pode dicir o que ve nin o que lle mandan facer e tampouco quen é o que o fai: non pode virar a cabeza para ver o que leva detrás de si, por eso nunca ninguén dá razón.

O único que lle é doado facer ó que vai coa Santa Compaña, se é que se sabe dar xeito é, se atopa a outro desgraciado no seu camiño, o porlle nas mans a cruz e o caldeiro de auga benta e máis o heizope, librándose de seguir el ó deixar a outro no seu canto, mais, dende que o fai, e pouco o que tarda en morrer, pois co seu rudo traballo de po-la noite, perde a cor e vai esmorecendo cada día máis, mirrándose pouco a pouco.

Exvotos no Santuario do Corpiño, (Lalín)

En calquera caso, crese firmemente en que a morte sempre avisa, o que permite prepararse para ese momento, e iso axuda a minora-la angustia da ameaza constante da morte. O conto é saber capta-los anuncios que nos envía. Estes avisos chegan por distintas vías: ánimas ou espíritus que se achegan a quen vai morrer ou a alguén do seu entorno (o caso máis coñecido sería o da Santa Compaña) ; a propia morte que vén advertir ó futuro defunto, antes de vir buscalo definitivamente; ou mediante outros sinais emitidos, normalmente, por distintos animais. Tamén se interpretan así outros feitos inexplicables, como o toque dunha campá sen que ninguén a tanxa, a coincidencia do son das campás de dúas parroquias, que se apague un cirio no funeral ou o cheiro a cera ou a aceite nunha encrucillada ou dentro da casa. Verte-lo sal na mesa pode considerarse só agoiro de mala sorte ou mesmo unha maior desgracia , así como escoitar golpes na porta ou na ventá (que se explican como ánimas que veñen petar na porta para entrar na casa). Crese, finalmente, que as ánimas dos familiares emigrados ou que viven lonxe poden vir facernos unha última visita de despedida xusto no instante no que morren.
A capacidade de percibir este tipo de avisos non é común e crese que algunhas persoas son máis propensas que outras. Son os vedoiros, que poden chegar a ver o enterro tal como se vai producir, recoñecendo tanto ó morto como ós que o acompañan.

AGOIROS DE MORTE

Entre os animais que agoiran unha desgraza, os anuncios de morte máis recoñecidos son :

Ver un corvo no camiño ou nas proximidades da casa, por ser negro, por comer carniza e polo seu berro agudo e característico. Por iso, cando se vexa hai que dicirlle: "Corvo agoireiro, vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta" .

- O canto do moucho, da curuxa ou doutras aves rapaces nocturnas. O canto lúgubre destas aves remeda os xemidos e o pranto. O moucho agoira unha morte próxima cando vén cantar enriba da casa dalguén ou nas árbores próximas.

- A galiña que canta coma o galo. Crese que as galiñas vellas cantan como o faría un galo, polo que tal feito, propio da vellez, agoira a morte. Para espanta-lo agoiro hai que dicir: Pasa, mala cousa, pasa,/ San Xuan bendiga nuestra casa/ cunha palanca/ por riba da casa . Outras informacións van máis lonxe e aconsellan que cando tal aconteza hai que mata-la galiña de contado e, deste xeito, a desgraza que agoiraba recaerá sobre ela. Rivas Quintas engade que, á vez que se lle retorce o pescozo, hai que dicirlle: Morte por morte, en ti cai a sorte .

- O ouveo dos cans ou do raposo, porque lembran os prolongados choros da familia durante o velorio e no enterro. Se se escoita ouvear un raposo de noite sábese que está próxima a morte dalgún veciño. Outras informacións matizan máis: ver un raposo en xexún é sinal de bo agoiro, pero se é unha raposa é sinal dunha desgraza próxima.

- A presenza de bolboretas nocturnas, brancas (algunhas fontes din que as negras), voando ó redor dunha persoa ou da luz da casa. Moitos cren que as tales bolboretas son as propias ánimas.

- En Arcos de Furcos (A Estrada, Pontevedra), crese que cando morre un cura nacido na parroquia, doce veciños máis morrerán antes de cumprir un ano .


Santo André de Teixido

O imaxinario popular non dubida de que as ánimas dos mortos ós que aínda lles quedou algo pendente por facer ou algunha pena que expiar seguen presentes entre os vivos. Entre outras actuacións xa se mencionou que viñan para advertir da morte dun conveciño, pero fan máis. Hainas que buscan axuda para restaurar algún dano que causaran en vida, ou para insistir ante os seus familiares que cumpran as mandas que deixaron ó morreren.

Tamén é sabido que quen non foi a Santo Andrés de Teixido de vivo terá que ir de morto, e iso explica que existan ánimas peregrinando ó mosteiro do santo, como tales ánimas ou reencarnadas en animais. No primeiro caso, son os familiares -normalmente dous- os que acompañan a alma do morto: antes de comeza-la peregrinación, os parentes van onda a tumba do difunto para convidar ó espírito do morto a face-la viaxe con eles. No segundo caso, advírtese que quen se atope unha cobra ou un lagarto no camiño ó mosteiro non lle pode facer mal ningún, porque se trata dunha ánima na súa última peregrinación.