San Xurxo de Cereixo. A Estrada (Pontevedra)
Aínda que non existe ningunha lenda escrita sobre o Santuario de San Xurxo, cremos útil referir o que nos contou un señor xa entrado en anos, romeiro a San Xurxo desde hai 38 anos. Respectaremos na narración as súas palabras, gravadas por nós en cinta, mesmo coas súas incorreciós de linguaxe, a cabalo entre o galego e o castelán e, sen dúbida, cheo de colorido popular:
"Aquí era un zarzal, no que había unha serpente que quixo atacar a unha moza. San Jorge era un melitar; era de por aquí. Entonces, cando soupo que esa serpente atacara a esa moza, pois se veu armado aqué e persigueu, buscou por aí hastra que se encontrou ca serpente e por eso está retratado aí enriba do cabalo e debaixo a serpente".
Esta inxenua narración vese que é unha transposición da lenda de San Xurxo e deriva simplemente dunha mera contemplación da imaxe tradicional do Santo. O curioso é que este home identifica a San Xurxo como natural da terra de Tabeirós, e que cambia o dragón po-la serpe. Quizais a figura do dragón é un elemento mitolóxico moi alleo ó universo simbólico dos galegos; sen embargo, a serpe atopámo-la como obxecto de culto ou simbolismo xa desde as insculturas castrexas, e quizais antes, como un símbolo naturalizado en Galicia, aínda que, como opinan moitos, sexa algo procedente doutras latitudes.
Manuel Rodríguez Carracedo
No hay comentarios:
Publicar un comentario