A SANTA COMPAÑA
É unha crenza mística moi importante en Galicia e coñécese por moitos nomes: Estadea, Estantiga, Rolda, As da noite, Pantalla, Avisóns, Pantaruxada...
Hai moitas versións desta crenza pero todas coinciden en dicir que é "procesión de mortos ou almas en pena que nas brétemas da noite (a partir das doce) percorren errantes por camiños e sendas dunha parroquia” Esta procesión sempre vai encabezada por un vivo cunha cruz e un caldeiro de auga bendita seguido das ánimas con velas acesas, e notándose a súa presencia polo cheiro a cera e o vento que levanta ó seu paso.
O vivo non pode deixar ás ánimas até que econtre polo camiño a outra persoa
No caso de que se encontrases a Santa Compaña debes botarte no chan cara abaixo ou ben trazar un circulo na terra e meterte dentro del. A persoa viva pode ser home ou muller, dependendo se o patrón da súa parroquia é santo ou santa
Aínda que nas maioría das veces a Compaña sae de noite, temén hai casos nos que se aparece de día.
Considérase como unha anuncio da morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento.
Existe tamén outra procesión moi semellante á Santa Compaña pero en vez de pasear animas dos mortos, son animas dos vivos, chámase "procesión das Xans".
No que aconteceu nun camiño San Martiño de Tabeaio. Carral (A Coruña)
Foi unha vez que un pai e mais un fillo, que xa era home, viñan dunha viaxe e tiveron a desgracia de seguir, sen se deporcatar e sendo noite, un camiño que pasaba preto do adro dunha igrexa. Dándose de conta do mal que lles traía o seu descoido ó se atopar nunha revolta coa Santa Compaña, que ó ser as doce sae do cemiterio para facer a súa rolda.
Pai e fillo viron arrepiados as luceciñas verdeás dos fachos que portaban as almas en pena e oíron o borboriñar dos pregos dos defuntos e, daquela, foi tanto o medo que gañaron que quixeron fuxir a escape sen o conseguir, porque o vello, xa canso e de pocas forzas, tropezou e caeu de contado sen folgos nin azos para se valer. O fillo chegou un pouco máis lonxe, pero mellor lle fora caer coma o pai para se aforrar moitos contratempos, xa que, coma o vello, tampocuco tivo forzas nin saber para riscar no chan o circo e poñerlle no medio a cruz, como é ber para se librar das cousas do outro mundo en meténdose un dentro.
O pai, ó caer no chan, afociñado, quixo comprender que a Santa COmpaña para por riba del, pois sentiu ben no corpo como o tripaban as pasadas dos defuntos, deixándoo esmendrellado; fixo un esforzo erguendo un pouco a cabeza para mirar se vía ó fillo, mais, como era noite, non o viu. Escoitou un pouco e non oíu cousa. Sen dúbida, levárao a Santa Compaña para portar a cruz, o caldeiro da auga benta e mais o heizope. O pai, daquela, perdeu o acordo e non foi home ata o abrir do día. Estaba canso e sen forzas, doíalle o corpo, quixo porse en pé e as pernas non termaban del. Ó cabo, mal como puido, case ás arrastras, foi facendo o camiño da casa. O fillo aínda non chegara e el, perdida a cor e esgumiado, máis semellaba un defunto.
Ó rapaz atopárono logo os veciños. Apareceu durmido pé do cruceiro da parroquia, collendo nunha aperta o talo da cruz. O pai apenas tardou tres días en morrer e o fillo durou pouco máis tempo, mais ben pouco foi. Ninguén conseguiu del que dixese cousa, porque o que vai cos defuntos, aínda que queira, non pode dicir o que ve nin o que lle mandan facer e tampouco quen é o que o fai: non pode virar a cabeza para ver o que leva detrás de si, por eso nunca ninguén dá razón.
O único que lle é doado facer ó que vai coa Santa Compaña, se é que se sabe dar xeito é, se atopa a outro desgraciado no seu camiño, o porlle nas mans a cruz e o caldeiro de auga benta e máis o heizope, librándose de seguir el ó deixar a outro no seu canto, mais, dende que o fai, e pouco o que tarda en morrer, pois co seu rudo traballo de po-la noite, perde a cor e vai esmorecendo cada día máis, mirrándose pouco a pouco.
Exvotos no Santuario do Corpiño, (Lalín)

En calquera caso, crese firmemente en que a morte sempre avisa, o que permite prepararse para ese momento, e iso axuda a minora-la angustia da ameaza constante da morte. O conto é saber capta-los anuncios que nos envía. Estes avisos chegan por distintas vías: ánimas ou espíritus que se achegan a quen vai morrer ou a alguén do seu entorno (o caso máis coñecido sería o da Santa Compaña) ; a propia morte que vén advertir ó futuro defunto, antes de vir buscalo definitivamente; ou mediante outros sinais emitidos, normalmente, por distintos animais. Tamén se interpretan así outros feitos inexplicables, como o toque dunha campá sen que ninguén a tanxa, a coincidencia do son das campás de dúas parroquias, que se apague un cirio no funeral ou o cheiro a cera ou a aceite nunha encrucillada ou dentro da casa. Verte-lo sal na mesa pode considerarse só agoiro de mala sorte ou mesmo unha maior desgracia , así como escoitar golpes na porta ou na ventá (que se explican como ánimas que veñen petar na porta para entrar na casa). Crese, finalmente, que as ánimas dos familiares emigrados ou que viven lonxe poden vir facernos unha última visita de despedida xusto no instante no que morren.
A capacidade de percibir este tipo de avisos non é común e crese que algunhas persoas son máis propensas que outras. Son os vedoiros, que poden chegar a ver o enterro tal como se vai producir, recoñecendo tanto ó morto como ós que o acompañan.
AGOIROS DE MORTE
Entre os animais que agoiran unha desgraza, os anuncios de morte máis recoñecidos son :
Ver un corvo no camiño ou nas proximidades da casa, por ser negro, por comer carniza e polo seu berro agudo e característico. Por iso, cando se vexa hai que dicirlle: "Corvo agoireiro, vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta" .
- O canto do moucho, da curuxa ou doutras aves rapaces nocturnas. O canto lúgubre destas aves remeda os xemidos e o pranto. O moucho agoira unha morte próxima cando vén cantar enriba da casa dalguén ou nas árbores próximas.
- A galiña que canta coma o galo. Crese que as galiñas vellas cantan como o faría un galo, polo que tal feito, propio da vellez, agoira a morte. Para espanta-lo agoiro hai que dicir: Pasa, mala cousa, pasa,/ San Xuan bendiga nuestra casa/ cunha palanca/ por riba da casa . Outras informacións van máis lonxe e aconsellan que cando tal aconteza hai que mata-la galiña de contado e, deste xeito, a desgraza que agoiraba recaerá sobre ela. Rivas Quintas engade que, á vez que se lle retorce o pescozo, hai que dicirlle: Morte por morte, en ti cai a sorte .
- O ouveo dos cans ou do raposo, porque lembran os prolongados choros da familia durante o velorio e no enterro. Se se escoita ouvear un raposo de noite sábese que está próxima a morte dalgún veciño. Outras informacións matizan máis: ver un raposo en xexún é sinal de bo agoiro, pero se é unha raposa é sinal dunha desgraza próxima.
- A presenza de bolboretas nocturnas, brancas (algunhas fontes din que as negras), voando ó redor dunha persoa ou da luz da casa. Moitos cren que as tales bolboretas son as propias ánimas.
- En Arcos de Furcos (A Estrada, Pontevedra), crese que cando morre un cura nacido na parroquia, doce veciños máis morrerán antes de cumprir un ano .
Santo André de Teixido

O imaxinario popular non dubida de que as ánimas dos mortos ós que aínda lles quedou algo pendente por facer ou algunha pena que expiar seguen presentes entre os vivos. Entre outras actuacións xa se mencionou que viñan para advertir da morte dun conveciño, pero fan máis. Hainas que buscan axuda para restaurar algún dano que causaran en vida, ou para insistir ante os seus familiares que cumpran as mandas que deixaron ó morreren.
Tamén é sabido que quen non foi a Santo Andrés de Teixido de vivo terá que ir de morto, e iso explica que existan ánimas peregrinando ó mosteiro do santo, como tales ánimas ou reencarnadas en animais. No primeiro caso, son os familiares -normalmente dous- os que acompañan a alma do morto: antes de comeza-la peregrinación, os parentes van onda a tumba do difunto para convidar ó espírito do morto a face-la viaxe con eles. No segundo caso, advírtese que quen se atope unha cobra ou un lagarto no camiño ó mosteiro non lle pode facer mal ningún, porque se trata dunha ánima na súa última peregrinación.